Tuesday 07 de May de 2024

Máis do 70% das medidas do Pacto Social pola Vivenda están xa en execución seis meses despois da súa sinatura


O Observatorio da Vivenda de Galicia coñeceu o contido dun informe sobre a implantación deste paquete de actuacións, co que se prevé mobilizar preto de 1.100 millóns de euros en catro anos e beneficiar a máis de 70.000 familias

O 71% das medidas incluídas no Pacto social pola vivenda 2021-2025 están xa en execución seis meses despois da súa sinatura, a finais do pasado mes de xaneiro, e outro 22% atópanse en preparación, polo que se prevé que tamén se fagan efectivas ao longo deste ano.

Así se desprende dun informe sobre o grao de execución do Pacto presentado este verán ante os membros do Observatorio da Vivenda de Galicia, un órgano impulsado pola Xunta no seu día para actuar como espazo de intercambio de información e propostas entre os axentes públicos e privados implicados no sector.

Neste sentido, os membros do Observatorio coñeceron o balance provisional deste ambicioso paquete de actuacións, composto por medio cento de medidas e impulsado polo Goberno galego co fin de mobilizar nos próximos anos case 1.100 millóns de euros, entre fondos públicos e privados, para chegar a beneficiar a máis de 70.000 familias galegas.

Precisamente, unha das últimas medidas de apoio á cidadanía e ao sector impulsadas no marco do Pacto social pola vivenda 2021-2025 foi a convocatoria o pasado 23 de xullo das axudas para a adquisición de vivendas protexidas, que se poderán solicitar aínda ata o 30 de setembro.

Cunha dotación orzamentaria de 450.000 euros, a orde ten como obxectivo apoiar a persoas que adquiran unha vivenda de protección autonómica de réxime xeral ou especial, tanto de nova construción como rehabilitada. Os beneficiarios poderán acceder deste xeito a unha subvención equivalente ao 20% do custo do inmoble, cun límite máximo de 20.000 euros por vivenda.